12 abr 2011

O pazo baleiro


O grupo B está a ler "O pazo baleiro" de Xabier P. Docampo. Nicolás, un rapaz moi especial non ten moito interese en ir á escola pero si en aprender todo o que poida. Non vos parece que hai algo que non cadra? Grazas á súa curiosidade verase metido na resolución dun misterio que vén de hai moito tempo. Os seus amigos vanno axudar. E vós... Xa sabedes de que vai?

4 abr 2011

Os petroglifos en Cartas de inverno


Moitos xa estades a rematar Cartas de inverno. Ben poidestes ver que os petroglifos xogan un papel importante na historia pero... Sabedes o que son? Víchedes algunha vez algún? Aquí vos deixo unhas imaxes para disfrutar e un vídeo para entendelas un pouquiño mellor.

Cartas de inverno, unha historia aberta


Sabedes que quere dicir que unha novela é unha historia aberta? Supoño que hoxe moitos do grupo A xa tedes rematado de ler a novela "Cartas de inverno". Pois como poidestes observar ao final non hai unha resolución total do misterio. Agustín Fernández Paz, o autor da novela, explícao na páxina 123 da edición que estamos a ler, baixo o título "doce anos despois". Ademais do final tamén deixa abertos outros aspectos da historia. Faino porque pretende que cada persoa, utilizando a súa imaxinación, encha os ocos baleiros proxectando, sobre todo, os seus propios medos. Dádesvos conta de cales son eses aspectos que non nos aclara?
Falámolo na reunión!!

16 mar 2011

Cartas de inverno


O grupo A está a ler Cartas de inverno, de Agustín Fernández Paz, escrita en 1995 e gañadora do premio Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil dese mesmo ano. Nesta novela introducímonos no xénero epistolar, que se caracteriza por contar unha historia a través de cartas dirixidas a alguén.
Ide dicíndonos que vos parece o novo libro!

Primeira xuntanza do grupo B

Onte tivemos a primeira xuntanza do grupo B do noso club de lectura. Estivemos a falar do libro "El señor de los ladrones" de Cornelia Funke. Foi unha sesión estupenda onde compartimos unha chea de ideas sobre o que limos. Parece que o libro gustou moito! De que falamos? Pois de tipos de novela, de finais abertos e pechados, de caracterización dos personaxes, da súa evolución, de temas de actualidade como a adopción... E moito que quedou no tinteiro! Pero se vos apetece podedes seguir deixando aquí os vosos comentarios e suxestións sobre o libro.

13 mar 2011

Que farías se foses maior?


Na novela "El señor de los ladrones" Escipión ten moitas ganas de ser adulto. Tamén Próspero para poder coidar do seu irmán pequeno. Ao longo da historia entéranse de que hai un carrusel que pode cumplir os seus desexos.
Na páxina oficial de Cornelia Funke podes ler que dixeron outros nenos e nenas sobre isto e descubrir moitos máis títulos da autora. Tamén te podes poñer en contacto con ela e contarlle o que che pareceu o seu libro.
Aquí, no noso blog, tamén podes deixar as túas ideas... Quererías ser maior? Que farías se o foses?
Anímate e participa!

"El señor de los ladrones" de Cornelia Funke

O grupo B do noso club de lectura xa debe de estar a rematar a súa lectura "El señor de los ladrones" de Cornelia Funke. Nesta historia ambientada na marabillosa Venecia, dous irmáns pretenden escapar dos seus tíos que queren separalos, adoptando só a un deles, o máis pequeno. Vivirán varias aventuras con outros nenos e una nena dirixidos polo "señor dos ladrones".
A novela publicouse en alemán no 2000 e en español no 2003. No 2006 fíxose unha película basada nela, titulada "El príncipe de los ladrones". Aquí tedes o seu trailer:

27 feb 2011

Entrevista á autora de Calpurnia


En dous días vémonos para compartir as nosas impresións sobre o libro "La evolución de Calpurnia Tate". Aquí vos deixo un enlace onde podedes coñecer un pouquiño máis sobre a súa autora, Jacqueline Kelly. Tamén podedes picar sobre a foto para acceder.
Tamén podedes consultar a páxina web da autora. Incluso tedes o seu enderezo por se vos apetece escribirlle!

12 feb 2011

12 de febreiro. Día Darwin

Hoxe conmemórase o 202 aniversario do nacemento de Charles Darwin. Como ben sabedes, especialmente os que estades a leer "La evolución de Calpurnia Tate", Charles Darwin era un naturalista inglés que co seu traballo nos descubriu a evolución das especies.
Pois ben, os Museos Científicos Coruñeses celebran o Día Darwin coa presentación da súa primeira exposición web MisterDarwin.eu. A nova web será un recurso on line sobre a teoría da evolución e o seu autor e está vinculada á exposición "O asombro de Mister Darwin" na Casa das Ciencias. Máis información neste enlace.
Unha boa opción tamén é ir visitala coa familia. Xa nos contaredes!
Para empezar ide vendo este vídeo sobre Darwin e a teoría da evolución

9 feb 2011

Benvid@s ao club!

Ola, rapazada!
Aquí estamos nesta nova andadura pola aventura dos libros. Onte tivemos ocasión de coñecermosnos persoalmente e falar de moitos aspectos da organización do clube de lectura. Como ben sabedes, un clube de lectura consiste en que se xunta un grupo de xente, neste caso nenos e nenas de entre dez e doce anos, para comentar o libro que estean a ler, que será o mesmo para todos.
Penso que temos un comezo moi exitoso xa que onte fostes máis de vinte os que vos achegastes á Biblioteca Municipal Rialeda para inscribirvos. De feito, fixéronse dous grupos!
O grupo A está xa lendo "La evolución de Calpurnia Tate" de Jacqueline Kelly e o grupo B empeza con "El señor de los ladrones" de Cornelia Funke.
Aquí, no blogue, podedes deixar os comentarios que vos apeteza sobre os libros, iso si, sen desvelar datos fundamentais!
Tamén o iremos enchendo con enlaces a temas que traten os libros e que consideremos interesantes. Nisto tamén podedes participar aportando ideas e suxestións.
Animádevos!